GeneralNoticiasOcioÚltima Hora

O BNG de Vigo alerta de que o “chalaneo” de Caballero co concerto de Guns N’ Roses pode saírlle moi caro á cidade

A fronte nacionalista lamenta que “á falla de explicacións e depuración de responsabilidades políticas” polo escándalo do frustrado patrocinio publicitario se engada agora o risco de ter que indemnizar á promotora após se admitir a súa demanda xudicial contra o Concello

Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero inda non aclarou que compromisos atinxiu na reunión que el en persoa mantivo cos máximos directivos da promotora do concerto días antes do envío dunha carta de interese prometéndolles case 2 millóns de euros”

¬VITRASA: O portavoz municipal do BNG esixe a dimisión de Carlos Font despois das gravísimas declaracións nas que acusou de “violentos” ao Comité de Empresa e ao persoal en folga no servizo de bus urbano

O Bloque Nacionalista Galego reaccionou á admisión dunha demanda xudicial no contencioso administrativo contra o Concello de Vigo por causa do frustrado patrocinio publicitario do concerto de Guns N’ Roses, alertando de que o “chalaneo” de Abel Caballero na xestión deste asunto “pode saírlle moi caro á cidade”.

Así o manifestou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que lembra que o escándalo do concerto de Guns N’ Roses entra agora no ámbito xudicial despois de que Abel Caballero non fose capaz a día de hoxe de aclarar, como o BNG esixiu desde o minuto un, que compromisos atinxiu na reunión que el en persoa mantivera cos máximos directivos da promotora do concerto apenas uns días antes do envío dunha carta de interese, asinada polo seu concelleiro de Festas, na que lle prometía case 2 millóns de euros. Documento que desde a propia Asesoría Xurídica do Concello advertiron que podía constituír un precontrato e que despois deu paso á convocatoria dun falso concurso público para un presunto patrocinio publicitario, cunhas bases adhoc, que finalmente se anulou.

“Á falla de depuración de responsabilidades políticas engádese agora o risco de que o chalaneo do Goberno municipal, feito deliberadamente á marxe e en contra dos procedementos de licitación pública, pode acabar resultando en que o Concello teña que acabar pagando os preto de 2 millóns de euros que prometeu”, manifestou Igrexas. “Falamos de case o duplo de recursos dos que se destinan a financiar, por exemplo, o Plan de Emprego Municipal ou as axudas sociais do Concello”, acrecentou.

O portavoz municipal nacionalista lamentou que “a irresponsabilidade e as prácticas escandalosamente irregulares do Goberno local poden saírnos moi caras ás viguesas e vigueses” e considerou “indecente” que a estas alturas ningún ou ningunha responsábel municipal teña demitido nin sido cesado.

¬Vitrasa: Piden a dimisión de Font polas súas declaracións

Igrexas tamén reaccionou ás declaracións realizadas esta mañá polo concelleiro Carlos L. Font en relación ao conflito aberto en Vitrasa considerando que “é gravísimo que o portavoz do Goberno municipal e candidato número 2 do PSOE ao Parlamento galego por Pontevedra acuse de violento ao Comité de Empresa e ao persoal de Vitrasa que levan 53 días en folga.”

“Carlos Font cruzou todas as liñas vermellascun discurso reaccionario e antisindical, se lle quedase algo de decencia e dignidade dimitiría hoxe mesmo”, esixiu.

Desde a fronte nacionalista lamentan que a “escalada de obscena complicidade” do Goberno local de Abel Caballero coa dirección da empresa concesionaria teña chegado até este punto, despois de meses de descualificacións e provocacións contra o persoal do servizo de bus urbano.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *