XINECOLOXÍA DO CHUF DIXITALIZA O PARTOGRAMA E TEN HABILITADA UNHA CENTRAL DE MONITORIZACIÓN PERINATAL PARA O SEGUEMENTO DO PROCESO DE PARTO
- Esta dixitalización foi acadada mediante a colaboración dos profesionais de Informática e Xinecoloxía da Área; é a primeira destas características en Galicia; e sitúa ó CHUF como un dos primeiros hospitais en dixitalizar completamente o Servizo de Xinecoloxía
- Entre as melloras clave están unha maior seguridade de nai e feto; facilitar a atención ó parto por parte dos profesionais; e, igualmente, mellora o respecto da privacidade e confidencialidade da muller e do seu acompañante
- Xunto con estas, permite o acceso dixital a todo o proceso de parto, e un mellor control de calidade posterior
O Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol completa a dixitalización dos datos clínicos asociados ó proceso de parto: o partograma (toda a información cardiotocográfica); e ten habilitada unha central de monitorización perinatal remota para o seguimento global do proceso. Ata o de agora, cando unha muller estaba en proceso de parto, ou cando se lle facía unha monitorización perinatal por algún factor de risco, tódolos datos de seguimento rexistrábanse nun partograma en papel. O partograma é un documento no que se inclúen tódolos datos procedentes da monitorización perinatal, como a frecuencia cardíaca fetal e as contraccións, ou tamén a progresión da dilatación, o lugar onde está a cabeza fetal, ou as intervencións medicamentosas e clínicas que se realizan, entre outros.
Este partograma cuberto de forma totalmente manual quedaba depositado na historia clínica. Coa aparición da Historia Clínica Electrónica, facíase xa dende o ano 2014 un escaneado deste partograma para incorporalo ó expediente da muller en formato dixital. Na actualidade, co proceso de dixitalización elaborado tralo traballo conxunto de Servizos de Informática e de Xinecoloxía, tódolos datos adquírense empregando un sistema informático, conformando en orixe un partograma electrónico, e incorporados e accesibles á propia rede, que permite o seguimento da paciente dende os propios monitores e tamén en diferentes puntos do Servizo, e non só na sala de monitorización onde esta a muller.
Este proceso xera unha base de datos para futura extracción e explotación estatística dos mesmos mellorando a calidade nesas atencións. “Só se pode mellorar se se sabe o que se está a facer”, indica o responsable do Servizo Manuel Veiga, e “e este sistema permite un seguimento moito máis doado e completo”.
Chegar a este momento é posible tras un proceso complexo de integración e de investimento en novos equipos de monitorización e da nova central de monitorización, un total de 9 monitores novos nos que se investiron máis de 130.000 euros. Ademias foi necesario un software axeitado para o tratamento e emisión dos datos. Esta dixitalización está desenvolvida por profesionais de Informática da Área Sanitaria de Ferrol, Isabel Rodríguez Castelo e Manuel Gutiérrez Serantes; en colaboración coa xinecóloga, Raquel González Seoane; e o matrón, Alberto López Serantes. É a primeira destas características en Galicia, xa que noutras áreas prodúcese a monitorización remota pero non a dixitalización do partograma e a posibilidade da explotación posterior dos datos que están todos integrados. Todo isto sitúa ó CHUF como un dos primeiros hospitais en dixitalizar completamente o Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia.
Máis intimidade e seguimento da muller
Entre as melloras clave desta central de monitorización perinatal remota figuran unha maior seguridade de nai e feto, e facilitar a atención ó parto por parte dos profesionais. Igualmente, mellora o respecto da privacidade e confidencialidade da muller e do seu acompañante. Xunto con isto, permite o acceso dixital a todo o proceso de parto, e un posible maior control de calidade posterior.
Así, para o control da monitorización da nai, os e as profesionais sanitarias, matronas fundamentalmente e tamén xinecoloxía, tiñan que entrar cada 10 minutos na sala. Agora, accédese ós datos en tempo real, tomando medidas en todo momento, producíndose dese xeito un control e vixilancia continua sen interferir na intimidade da muller e o seu acompañante. Paralelamente, as e os profesionais poden interactuar entre eles porque teñen visible os datos simultaneamente das mulleres que están en proceso de parto no Hospital Arquitecto Marcide do Complexo, cando antes só accedía o profesional que se desprazaba á sala de monitorización.
Por outra banda, permite integrar directamente tódolos datos na historia clínica da persoa, para a súa revisión con facilidade cando se require noutro servizos hospitalarios, dende os centros de saúde, ou dende calquera centro hospitalario de Galicia. Incluso a muller pode acceder a moitos destes datos a través de É-Saúde. A partir deses datos, pódense desenvolver igualmente estatísticas anonimizadas para o control de calidade posterior sobre a atención no Servizo.