GeneralNoticiasÚltima Hora

Luis López destaca as 170 adopcións e o coidado de 288 cans no que vai de ano no refuxio CAAN

O dirixente provincial percorreu as instalacións deste centro de acollida dependente da Deputación acompañado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

A Deputación destina 1,4 millóns de euros para renovar o contrato de xestión do refuxio, que inclúe un novo servizo de control e esterilización de colonias felinas nos concellos.

. O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, definiu o Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN), ubicado na Armenteira e dependente do organismo provincial, como un centro de referencia en benestar animal, no que conviven actualmente 288 cans sen fogar e se xestionaron 170 adopcións no que vai de ano. O mandatario provincial visitou este xoves as instalacións do refuxio acompañado polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para coñecer o funcionamento do centro e os servizos que prestan tanto aos animais como os de cooperación cos 52 concellos da provincia cos que colabora á hora de recoller animais sen fogar, abandonados ou que provocan algún tipo de problema de convivencia.

“O CAAN é unha referencia en benestar animal, polos coidados desde o lugar de recollida; en cooperación e municipalismo, porque está a diposición dos concellos e son 52 os adheridos; e en sustentabilidade, a que ten que ver coas colonias felinas”, destacou o presidente Luis López, despois da visita guiada polos responsables do CAAN na que tamén estiveron presentes a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez; o deputado provincial responsable deste departamento, Marcos Guisasola; e o delegado territorial da Xunta Agustín Reguera.

Neste sentido, o titular da Deputación recordou o acordo para renovar o contrato de xestión do CAAN que supón o investimento de 1,4 millóns de euros nos dous vindeiros anos, o reforzo dos servizos como o de recollida de animais as 24 horas do día e todos os días do ano, as atencións básicas necesarias aos cans que residen no centro e o asesoramento ás persoas interesadas en adoptar. Do mesmo xeito, este contrato inclúe unha novidade, a cooperación cos concellos de menos de 20.000 habitantes para o control das colonias felinas a través da identificación, vacinación, desparasitación e esterilización dos individuos.

O Centro de Acollida e Protección de Animais entrou en funcionamento no ano 2013 e desde ese ano xestionou arredor de 5.000 adopcións, das que 170 tiveron lugar ao longo deste ano 2024. No 2023, encontraron un novo fogar un total de 597 cans. “Fago un chamamento á adopción de animais e, como Deputación, temos que dicir que estamos moi orgullosos dun servizo destas características”, rematou Luis López.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *