GeneralRÍAS ALTASÚltima Hora

A COMISIÓN CORUÑA MARÍTIMA ACORDA CONVOCAR UN CONCURSO INTERNACIONAL PARA ELABORAR O DESEÑO QUE DEFINIRÁ A TRANSFORMACIÓN DA FACHADA MARÍTIMA

  • O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou en representación da Xunta na primeira reunión do órgano que dirixirá o futuro dos espazos portuarios da cidade
  • Tamén se aprobaron as liñas de traballo dos próximos meses e acordouse un calendario de encontros da comisión cunha segunda reunión prevista para outubro

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou esta mañá na primeira reunión da Comisión Coruña Marítima en representación da Xunta. O encontro celebrado na sede da Autoridade Portuaria da Coruña estivo presidido pola alcaldesa Inés Rey e contou con representación das administracións implicadas -a Xunta, a Autoridade Portuaria, o Concello da Coruña e, por parte do Estado, o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, ADIF e Portos do Estado- así como os grupos políticos municipais.
No encontro acordouse convocar un concurso internacional multidisciplinar para definir o deseño global que rexerá a transformación dos espazos portuarios. O deseño abarcará todo o ámbito do porto coruñés e terá en conta as necesidades das administracións implicadas, así como as achegas do Foro Coruña, que celebrará a súa primeira reunión a comezos de 2025 e contara coa participación de colectivos e axentes sociais da cidade. A
previsión é dispoñer dos pregos técnicos deste concurso internacional nos próximos meses para proceder á súa licitación.
Por outra parte, na reunión de hoxe tamén se aprobaron as liñas de traballo para os próximos meses, cun calendario de próximos encontros tanto desta comisión como do comité técnico que lle dará soporte. Así, prevese que a Comisión Coruña Marítima celebre a súa próxima reunión no mes de outubro, mentres que a do comité técnico acollerá o seu primeiro encontro mensual en setembro.
A Xunta destaca a importancia de que as solucións para o porto coruñés xurdan da colaboración, o diálogo e un clima de entendemento entre administracións no marco dunha etapa de cooperación e coordinación administrativa que contribúa á transformación da fachada marítima.
Cómpre lembrar que o pasado maio asinouse o protocolo sobre Coruña Marítima, que ofrecerá solucións para todos os solos portuarios e para a sustentabilidade financeira da Autoridade Portuaria da Coruña.

A Coruña O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asiste á primeira reunión da Comisión Coruña Marítima. 15/07/2024 Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *