A XUNTA COLABORA CON CULTURMAR NA ORGANIZACIÓN DO XVII ENCONTRO DE EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS DE GALICIA
-A Consellería do Mar asinou un novo convenio coa entidade co obxectivo de promover a defensa do patrimonio marítimo material e inmaterial
-O Goberno galego aportou, desde o ano 2009, máis de 426.000 euros para a realización do Encontro de Embarcacións de Galicia
-O Plan da Cultura Marítima de Galicia. Horizonte 2030 promovido pola administración autonómica potencia o sector marítimo-pesqueiro, clave no desenvolvemento económico e social de Galicia
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantivo unha reunión de traballo coa directiva da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) para asinar un novo convenio co fin de financiar con 28.500 euros as actuacións previstas ata o 30 de novembro de 2024, consistentes na dinamización das embarcacións tradicionais.
Neste sentido, o titular de Mar puxo en valor o traballo de Culturmar na promoción e visibilización da frota tradicional galega a través de accións como este encontro que tivo lugar, na súa última edición no 2023, no porto de Sada. O representante autonómico trasladou aos organizadores o compromiso da Xunta con esta iniciativa coa que a Consellería do Mar colabora loxística e economicamente, así como con outras actuacións en defensa do patrimonio marítimo tradicional. Con todo, o Executivo autonómico colaborou no sustento económico da realización do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia desde o ano 2009, achegando ata 2023, máis de 426.000 euros. Na mesma liña, a colaboración da Consellería do Mar neste período foi de máis de 243.000 euros.
A XVII edición celebrarase en Ribeira no ano 2025. Mediante a concentración das embarcacións tradicionais representativas do patrimonio galego, preténdese potenciar os atractivos turísticos das comunidades da beiramar, axudando á xeración dun turismo sostible. Ao encontro están convidadas todas as asociacións pertencentes a Cultumar, entidades afíns procedentes de Portugal, Irlanda, Francia, Euskadi, Cataluña, Andalucía, Levante e Illas Baleares, ademais de particulares e institucións de interese cultural e patrimonial.
Un mar que define a Galicia e ás súas xentes Neste ámbito, desde a Xunta púxose en marcha o Plan da Cultura Marítima de Galicia. Horizonte 2030 que ten como finalidade promover a protección e consolidación do patrimonio galego vencellado ao mar, como construcións, obxectos e creacións inmateriais.
Este proxecto resulta de gran valor porque explica a transformación do territorio e o modo de vida da xente do mar, a súa construción social e cultural ao longo do tempo e a evolución dos seus oficios e técnicas. Grazas a este, dáse un paso máis na protección da identidade mariñeira galega que, segundo pasen os anos, medrará aínda máis pois o sector marítimo-pesqueiro seguirá sendo clave para o desenvolvemento económico e social de Galicia.
O proxecto é de suma importancia tendo en conta que Galicia conta con máis de 1.600 quilómetros de costa, tres provincias con mar e máis da metade da poboación (preto do 55%) vive no litoral. Esta situación fixo que as actividades vencelladas co mar definisen un gran número de oficios e o propio modo de vida da xente, dando lugar a unha cultura característica e de gran valor.
Por iso, o plan pretende converterse nun instrumento capaz de favorecer a xestión integral deses vestixios e dalos a coñecer fóra da comunidade.