BusinessGeneralNoticiasTurismoÚltima Hora

Turismo da Deputación da Coruña despide Madrid Fusión cun balance moi positivo

A entidade provincial exhibiu a súa marca turística e gastronómica “A provincia que sabe” a través do traballo de produtores locais, chefs e outros profesionais do sector

“A nosa gastronomía é un produto turístico en si mesmo que triunfa alá onde vai, e os nosos produtores e profesionais despuntan en espazos como este” apuntou o vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira

Turismo da Deputación despide unha nova edición de Madrid Fusión, e faino cun balance moi positivo en canto a afluencia de público e participación nas diferentes actividades levadas a cabo no seu stand, e tamén no éxito comercial e promocional que tiveron os diferentes produtores que asistiron á feira da man da entidade provincial.

“A nosa provincia triunfa alá onde vai e, nesta ocasión, exhibimos nesta feira tan especializada unha proposta gastronómica e turística da man de produtores, cociñeiros e outros profesionais que fan marca país”, sinalou Xosé Regueira. “Queremos apoiar a estas pequenas empresas para que o seu traballo sexa coñecido e recoñecido, e o éxito da súa participación en espazos de tan alto nivel como este referendan o seu bo facer”.

Esa foi a aposta que definiu a programación da Deputación en Madrid Fusión, centrándose en amosar a materia prima de pequenos produtores locais e as receitas protagonizadas por estes produtos tan vinculados ao territorio desenvolvidas por chefs de referencia, dous deles con estrela Michelín, e procedentes dos diferentes xeodestinos da provincia.

“Na Coruña hai moito talento, tanto no sector agroalimentario como no gastronómico e queremos presumir del e poñelo en valor” salientou Regueira. “Vemos a profesionais xa consagrados que son referencia, pero tamén outros emerxentes con propostas moi innovadoras e interesantes”, engadiu. “Todos eles teñen en común o respeto e o amor polo territorio, que define o seu traballo, con produtos de quilómetro cero que falan moito do sitio ao que pertencen”.

Showcookings repletos de público que se interesaba polas propostas dos cociñeiros e pola súa historia máis aló da súa cociña; exposicións polas que non paraban de pasar visitantes preguntando polos valores diferenciais dos produtos, así como profesionais que querían coñecer de primeira man o traballo de produtores e pequenas e medianas empresas como A Despensa de Lujo, Costumes empanadas de Galicia ou Bello Blanco Licores, entre outras, e profesionais que encheron as actividades que se levaron a cabo no stand da Deputación como as charlas e catas sobre viños coruñeses, as degustacións e as masterclass sobre algas da provincia. “A provincia que sabe” destacou, de novo, nunha nova edición de Madrid Fusión.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *