Luis López sinala o Atlantic Fest de Vilagarcía como unha mostra do potencial turístico da provincia ao mesturar natureza, gastronomía e cultura
O dirixente provincial participa, no Pazo A Golpelleira, na presentación dun festival englobado nos Rías Baixas Fest que se celebra do 19 ao 21 de xullo na praia da Concha
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinala o festival Atlantic Fest, englobado na marca Rias Baixas Fest que impulsa o organismo provincial, como unha mostra do potencial cultural e turístico da comarca de Arousa, das Rías Baixas e do conxunto da provincia; ao mesturar nun evento de tres días espazos naturais de gran valor, unha gastronomía valorada en todo o mundo e un programa musical con referencias do panorama internacional, nacional e galego. O mandatario provincial vén de participar este mércores, no pazo A Golpelleira de Vilagarcía, no acto de presentación oficial deste festival.
“Eventos como o Atlantic Fest supoñen moito máis que tres días de concertos. Son unha fonte de riqueza,
emprego e crecemento económico para toda a comarca; son un recurso de referencia para captar visitantes porque os que veñan por primeira vez xa saben o que lles vai pasar: quen proba, repite; e son unha marca que posiciona ás Rías Baixas no mapa das grandes producións musicais a nivel nacional”,
salientou o dirixente provincial, despois de dar os parabéns aos organizadores pola calidade e diversidade
do programa.
O festival Atlantic Fest, que se organiza na capital arousana desde o ano 2020, terá lugar entre os días 19 e
21 de xullo na contorna da praia vilagarciana da Concha, onde se instalarán dous escenarios nos que actuarán artistas do nivel de Mika, Crystal Fighters, Los Planetas, Silvia Pérez Cruz ou Andrés Suárez.
Ademais, haberá un espazo gastronómico onde unha representacións de establecementos hosteleiros da
contorna ofrecerán aos asistentes as súas mellores preparacións.
A celebración dos Rías Baixas Fest marca cada ano do inicio dun verán que chega cargado de “experiencias
100% Rías Baixas”, afirmou o mandatario provincial, quen falou dun novo éxito de público e organización
en PortAmérica, celebrado a pasada fin de semana en Portas; e augurou un novo triunfo para o Atlantic
Fest “un dos festivais máis agardados de cada verán”. Neste sentido, recoñeceu Luis López que “para min
non é un festival máis. Ter na miña casa, Vilagarcía, a algúns dos meus grupos favoritos, ver que a comarca
de Arousa se converte en capital da cultura e comprobar como cada ano o Atlantic Fest se consolida como
un dos nosos atractivos turísticos máis potentes é motivo de orgullo”, rematou o presidente da Deputación
convidando a todo o mundo a desfrutar a vindeira semana dun festival que “é unha experiencia 100 % Rías
Baixas”.