ALFONSO VILLARES ACODE A LUXEMBURGO PARA TRASLADAR O APOIO DO GOBERNO GALEGO AO RECURSO DA OPP DE BURELA CONTRA O VETO DA COMISIÓN EUROPEA Á PESCA DE FONDO
— A Xunta comparece no procedemento en calidade de coadxuvante polo impacto negativo desta decisión que afecta directamente a 200 embarcacións e indirectamente a outras 946 de artes menores
O conselleiro do Mar asistirá este xoves á vista oral ante o TXUE
— O recurso ten como obxecto a anulación do art. 2 e o Anexo II do Regulamento de Execución e que, subsidiariamente, se declare a invalidez dos apartados 6 e 9 do art. 9 do Regulamento de Base
— O responsable autonómico destaca que a participación do Goberno galego permitiu achegar ao Tribunal Xeral da Unión Europea información precisa das repercusións económicas e sociais da prohibición establecida nos territorios afectados
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acude este xoves, en apoio do sector pesqueiro galego, á vista oral na que se abordará o recurso presentado pola Organización de Produtores Pesqueiros de Burela en conxunto con 16 compañías afectadas contra o veto da Comisión Europea á pesca de fondo ante o Tribunal Xeral da Unión Europea (TXUE) en Luxemburgo. O Goberno galego comparece neste procedemento en calidade de coadxuvante da parte demandante polo impacto negativo desta decisión que afecta directamente a 200 embarcacións e indirectamente a outras 946 de artes menores.
O titular de Mar destaca o traballo realizado ata o momento polo Goberno galego ante o tribunal comunitario, rebatendo os puntos de incidencia técnica e científica alegados pola Comisión e o Parlamento Europeo demostrando que o palangre demersal destinado á captura de pescada como especie obxectivo non reúne as condicións sinaladas no Regulamento base, á vez que esta modalidade de palangre non figura na clasificación
establecida sobre protección dos ecosistemas mariños vulnerables (EMV) de alta mar fronte aos efectos adversos da utilización de artes de fondo.
Nesta liña, recorda o respaldo á tese galega de outros organismos científicos como o Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES), organismo que asesora á Comisión, e que indicou que esta medida non ten base científica. Tamén pon en valor un recente informe do Parlamento Europeo que referenda o que ven defendendo a Xunta e o sector: o veto á pesca de fondo nas 87 zonas de augas comunitarias non está fundamentada e non atende ás particularidades das diferentes artes como o palangre ou a volanta. “Lamentamos que a Comisión non tivera realizado informes como a estes previamente a decidir unhas prohibicións arbitrarias e que poñen en risco o futuro de parte da frota e milleiros de empregos, xa que non teñen en conta o impacto socioeconómico”
sinala o conselleiro do Mar, Alfonso Villares.
Neste sentido o impacto socioeconómico desta decisión é outro dos apoios nas alegacións presentadas ante o Alto Tribunal xa que o peso do sector pesqueiro na economía galega ten un peso no seu valor engadido bruto (VAB) 25 veces superior ao de a UE e 6 veces superior ao do conxunto do Estado español. Tanto é así que se trata da principal actividade económica nun terzo dos concellos galegos.